Profesorado con teleensino en tempos de pandemia: volvémonos tolos ou que!!!!

Este artigo é reflexo da frustración, impotencia, ansiedade… dun profesor de Formación Profesional en Galicia polo que lle tocou vivir neste período de “ensino a distancia forzado” debido á suspensión das actividades lectivas presenciais no curso 2019/2020.

Días traballando máis de 10 horas pegado á pantalla dun ordenador, semáns de 60 horas de traballo que superan con creces as 37’5 horas estipuladas, sábados e domingos coma se fosen días laborais normais,…

Táboa traballo semanal 3º trimestre

Unha sobrecarga abrumadora que non me deixa máis opción que ter que renunciar no mes de xullo a realiza-los cursos de formación que acostumaba a facer tódolos anos, para tentar compensar ese exceso de horas de traballo.

 

Dende o 13 de marzo de 2020, suspendeuse a actividade presencial nos centros de ensino de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, aínda que se substituíron por actividades educativas a través das modalidades a distancia e “on line”.

O profesorado viuse obrigado a improvisar dun día para outro, tanto na organización da comunicación co alumnado, e incluso entre o propio profesorado, como na adaptación das actividades -e a propia avaliación- para se adaptar ó ensino non presencial.

As dificultades de adaptación iniciais das clases á situación de ensino a distancia, a complicada coordinación e comunicación entre os propios equipos docentes, os problemas técnicos de conectividade e cos recursos informáticos, as condicións persoais non axeitadas, cando non dificultades ou impedimentos, derivadas da situación de confinamento, distanciamento físico, conciliación persoal e laboral, e crise económica (compartir espazos e medios reducidos, tarefas de coidados a outros familiares, ansiedade pola inseguridade laboral familiar, carencias materiais, situacións de tensión nas relacións,…), e a carga burocrática incrementada pola Consellaría contra toda lóxica, multiplicaron exponencialmente o esforzo do profesorado para realiza-lo noso traballo e nos sobrecargaron ata límites insoportables.

As 3 semáns que quedaban para remata-la 2ª avaliación perdémolas na confusión e o desconcerto dunha situación sobrevida para a que non estabamos preparados e que empezaron a pór a proba a nosa resiliencia.

As vacacións de Semana Santa servíronnos para coller aire e poder deixar de correr sen mirar: tocaba agora pararse a reflexionar e empezar a planificar.

Á volta das vacacións de Semana Santa adiquei esa primeira semán a organizarme e decidín tamén tentar separa-lo tempo adicado ó traballo do meu tempo para a vida persoal, así que empecei por medilo para poder controlalo… O resultado desas medicións durante as 10 semáns seguintes son os que agora presento, para que sirvan de reflexión sobre ata onde podemos chegar e, sobre todo, se debemos de facelo…

1ª semán do 20/04 ó 26/04:

60 horas e 51 minutos de traballo

 

Semana 01 04_20_2020-04_26_2020

2ª semán do 27/04 ó 03/05:

50 horas e 38 minutos de traballo

3ª semán do 04/05 ó 10/05:

46 horas e 13 minutos de traballo

4ª semán do 11/05 ó 17/05:

62 horas e 1 minuto de traballo

5ª semán do 18/05 ó 24/05:

60 horas e 42 minutos de traballo

6ª semán do 25/05 ó 31/05:

61 horas e 42 minutos de traballo

7ª semán do 01/06 ó 07/06:

54 horas e 1 minuto de traballo

8ª semán do 08/06 ó 14/06:

42 horas e 2 minutos de traballo

Semán 08 06_08_2020-06_14_2020

9ª semán do 15/06 ó 21/06:

27 horas e 35 minutos de traballo

Semán 09 06_15_2020-06_21_2020

10ª semán do 22/06 ó 28/06:

41 horas e 38 minutos de traballo

Semán 10 06_22_2020-06_28_2020Cualificar a toda costa

Tiveron que eliminarse da programación do 3º trimestre tódalas actividades prácticas relativas a criterios de avaliación que requirisen de material técnico ou da observación directa do desenvolvemento do alumnado, aínda que resultasen imprescindibles para acadar resultados de aprendizaxes fundamentais para a asignatura, polo que este alumnado, aínda que aprobado, non está suficientemente formado en canto ás esixencias curriculares para a súa titulación; e, dende logo, ten menos preparación que o de cursos anteriores.

As ensinanzas de FP teñen unha porcentaxe moi alta de carácter práctico, e requiren dun material e ferramentas moi especificas, que nalgunhas asignaturas fan moi difícil -cando non imposible- levar a cabo unha aprendizaxe a distancia.

A propia obriga de avaliar (reducido a efectos administrativos ó seu sentido de cualificar) nestas circunstancias, sen que se nos concretasen suficientemente pautas, protocolos ou ferramentas e mecanismos coas que garanti-la realización por parte do alumnado das actividades propostas, fixo que non exista ningunha certeza de que estas fosen sequera feitas polas mesmas persoas, ou de acordo ás condicións e requisitos establecidos, ás que logo se lles cualifica; dito de xeito máis claro: non existe, en absoluto, a certeza de que o alumnado cualificado nas avaliacións sexa o que fixo as probas, ou que estas as realizase sen trampas ou axudas de terceiras persoas.

 

https://magnet.xataka.com/un-mundo-fascinante/te-hago-examen-online-20eur-nueva-situacion-estudiantil-barra-libre-para-trampas

 

A avaliación só é útil se serve para formar; non consiste só en cualificar, serve para tomar decisións de mellora, para identificarmos erros e acertos no proceso de ensino-aprendizaxe, para que teñamos unha idea clara dos progresos nas tarefas que a cadaquén nos corresponden e para que se poida reconduci-la forma de ensinar e de aprender.

As avaliacións finais, ante a imposibilidade de interacción real, presencial, co alumnado, víronse reducidas a medi-la aprendizaxe unicamente a nivel cognitivo, e ante a falta de interacción eficiente entre o propio profesorado e de comunicación suficiente coa administración, só se tivo en conta exclusivamente o seu carácter sumativo: poñer unha nota que mide o grao de aprendizaxe do alumnado en relación cos criterios de avaliación da asignatura.

 

O paripé burocrático

Pero a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, aínda nos agasallou cunha guinda coa que rematar este trimestre resolto á costa do noso sobreesforzo…

Para rematar, aínda máis, esta penosa situación, as aprendizaxes que non se realizaron no terceiro trimestre (ou os “atrasos producidos”, como eufemisticamente se di dende a Consellaría) disque deberán de ser obxecto de tratamento no curso 2020/2021, a través duns plans de recuperación individuais (un para cada alumno/a) que se nos pide a cada profesor/a que desenvolvamos segundo o noso criterio persoal, sen -de novo- ningún nivel de concreción para que resulten homoxéneos, coherentes en prazos e recursos, ou simplemente compatibles coas ensinanzas correspondentes ó vindeiro curso; onde terán que ser aplicados -aparentemente- polo profesorado de asignaturas diferentes do que agora elabora estes informes e que terá que reduci-lo currículo das asignaturas de 2º curso para deixar espazo a esa parte dos currículos de 1º curso, e ademais, diferenciando o que corresponda a cada alumno/a individualmente.

Coas instrucións dadas ata o de agora é evidente que estes informes son un puro paripé burocrático para disimular que o alumnado que pasa de curso non completou a súa formación, e ter unha excusa coa que adia-lo problema ata o vindeiro curso.

Evidentemente é inviable a aplicación de plans de recuperación individuais, que asemade, aínda que se apliquen colectivamente, obrigarán á redución dos tempos e contidos doutras asignaturas de 2º curso, co que nos están obrigando a que na práctica carguemos no profesorado de 2º curso a responsabilidade de corrixi-las eivas da falta de todo un trimestre de formación.

Para ben ou para mal, levo facendo informes practicamente desque empecei a traballar, e en ningún dos diferentes postos da miña traxectoria laboral sentín que ese esforzo e tempo adicados á elaboración de informes, eran tan inútiles como os que veño malgastando na maioría dos papeles que cubrimos curso tras curso.

A incertidume do vindeiro curso

De onde vai saí-lo tempo para recupera-los contidos e ofrece-las condicións para que o alumnado poida acada-los obxectivos ou desenvolve-las competencias adiadas deste curso?

Como se vai a axusta-lo proceso de aprendizaxe ás necesidades de cada alumno/a?

Estanse buscando solucións ós problemas e eivas agora evidenciados por se -como se está advertindo dende as propias autoridades sanitarias- xa no vindeiro curso volvemos a ter que actuar nun contexto educativo similar no que non poidamos relacionarnos presencialmente alumnado e docentes?

Estase planificando algo de cara ó próximo curso (máis profesorado, menos ratios, distanciamento físico, alteración de espazos e medidas de protección e hixiene, medios técnicos e protocolos para garanti-la correcta avaliación do alumnado,…) ou farase unha volta ás aulas como se nada pasara?

________________________________________________________________________________

Consideracións respecto da 2ª avaliación

Os Acordos do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptaron unha serie de medidas preventivas en materia de saúde pública, e o do 13 de marzo de 2020, polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio galego, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, foron seguidos do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; neste último determínase no seu artículo 9:

Medidas de contención en el ámbito educativo y de la formación.

1. Se suspende la actividad educativa presencial en todos los centros y etapas, ciclos, grados, cursos y niveles de enseñanza contemplados en el artículo 3 de la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación, incluida la enseñanza universitaria, así como cualesquiera otras actividades educativas o de formación impartidas en otros centros públicos o privados.

2. Durante el período de suspensión se mantendrán las actividades educativas a través de las modalidades a distancia y «on line», siempre que resulte posible.

Con posterioridade, a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional enviou unhas instrucións o 27 de marzo, dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción de medidas a adoptar en relación coa avaliación do segundo trimestre, nas que, segundo nos informou a dirección do noso centro nun correo electrónico remitido o 30 de marzo ó claustro, indicaban que o alumnado deberá ser avaliado en base ao procedemento e instrumentos empregados ata a data de suspensión das clases, como obriga o proceso de avaliación continua; aqueles centros que non teñan formalizado o peche da avaliación do segundo trimestre procederán a formalizalo co traballo desenvolvido ata dita data.

Dado que a suspensión das clases non permitiu rematar coas actividades didácticas previstas para esta 2ª avaliación, non puiden utilizar varios dos criterios de avaliación previstos na programación da miña asignatura. Sen embargo, dado que as devanditas instrucción da Consellaría esíxennos que asignemos unha cualificación, quero deixar de manifesto o seguinte:

1.- A cualificación asignada a cada alumno/a non ten en conta tódolos Criterios de Avaliación estipulados na miña programación dado que varios deles non os puiden ter en conta ó interrumpirse as clases antes de realiza-las probas previstas para a súa avaliación.

2.- A cualificación asignada a cada alumno/a non se corresponde cos pesos asignados a cada Criterio de Avaliación na miña programación dado que tiven que repondera-los Criterios de Avaliación utilizados ó elimina-lo peso daqueles non utilizados, é por elo que a cualificación resulta inxusta e pouco significativa en canto a que non responde a unha valoración real da formación acadada ata ese intre polo alumnado, dándose tanto casos de sobrecualificación e de infracualificacións.

3.- Que a avaliación do alumnado sexa continua non significa que en calquera intre se poida cualificar, xa que en cada unidade didáctica hai unha serie de Criterios de Avaliación, cos seus correspondentes pesos, que só teñen sentido tendo en conta o seu valor relativo respecto dos demais, polo que só considerar uns, sen ter en conta outros dos previstos desvirtúa completamente a avaliación. Avaliar nestes momentos, sen que realmente teña tódolos elementos necesarios para elo, fai que a avaliación non responda realmente ó seu cometido.

4.- Avaliar nestas circunstancias supón poñe-la obriga burocrática por diante de calquera outra consideración pedagóxica e formativa.

 

Programación da 3ª avaliación e da avaliación final

Seguindo as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, o profesorado debía realizar unha adaptación da programación para o 3º trimestre do curso. Sen embargo ata o día 11 de maio de 2020, o servizo de Inspección Educativa non remite unha guía para a adaptación das programación de formación profesional, xunto coa indicación de que se presenten no prazo dunha semán.

O día 16 de maio, enviei ó centro para a súa publicación a adaptación da programación para o 3º trimestre do curso 2019/2020, na que se concretaban os aspectos do desenvolvemento do último trimestre, pese a que toda a información necesaria para o trimestre xa lla comunicara ó meu alumnado ó regreso das vacacións de Semana Santa no mes de abril.

Deixar un comentario